Obradoiros de Arduino con Pduino

domingo 6 de xullo do 2014, por Horacio González Diéguez

Todas as versións deste artigo : [Español] [galego]

Con motivo da participación da Domus e o Museo das Ciencias da Coruña no programa europeo Kiics, en novembro de 2013 e xaneiro de 2014, impartimos dous obradoiros de Arduino con Pduino para rapaces de entre 13 e 16 anos e profesores de Educación Secundaria. A proposta do obradoiro consistiu en achegarse ás enormes posibilidades de Arduino utilizando dispositivos sinxelos como potenciómetros, LED, acelerómetros ou motores servo, co fin de promover que, posteriormente, os rapaces participantes desenvolvesen pequenos proxectos creativos con Arduino.


Para poder abordar un amplo abano de posibilidades e facer énfase na organización de sistemas interactivos a través de entradas e saídas, xa sexan estas sensores, actuadores ou recursos audiovisuais, preparamos unha serie de obxectos de Pure Data deseñados para comunicarse directamente cos dispositivos a través de Pduino. Agora, con motivo da organización dun terceiro obradoiro de Arduino baseado na proposta que desenvolvemos para o programa Kiics, que acabamos de impartir no contexto do III Congreso de software libre para educación, publicamos neste artigo todo o material didáctico elaborado para estes talleres, xunto cos obxectos que deseñamos para traballar con Arduino e Pure Data.

A intención destes obxectos é tratar de achegarse a unha filosofía de traballo plug and play, que permita experimentar varios dispositivos e xogar con Arduino rapidamente, sen necesidade de programar. Trátase dunha aproximación ao traballo con Arduino bastante diferente á convencional que evita a programación escrita, aínda que obriga a introducirse no -ás veces arduo- mundo de Pure Data. Nas tres experiencias que a puxemos en práctica, resultou sorprendentemente eficaz á hora de motivar aos participantes e de ofrecer un panorama das posibilidades creativas de Arduino. Con todo, trátase dun sistema de traballo que obriga a ter a placa conectada a un ordenador e que, polo tanto, impide desenvolver prototipos que funcionen de xeito independente. En calquera caso, creemos que, como recurso pedagóxico, pode resultar de enorme interese para facer atractivo un achegamento inicial ao mundo de Arduino.

PNG - 98.3 KB

A dinámica dos tres talleres desenvolveuse a través unha serie de pequenas prácticas de dificultade progresiva, que permitisen ir abordando de xeito separado os distintos problemas que nos podemos atopar traballando con Arduino. Nun sistema no que interveñen moitos elementos, o deseño e montaxe dun circuíto, a comunicación co ordenador, a conversión dos datos de entrada ou a utilización de ditos datos para xerar unha saída, é fundamental unha planificación progresiva e aditiva do traballo, na que en cada paso engádanse elementos e resólvanse cuestións concretas partindo como base dos problemas resoltos no paso anterior. Como parte do material didáctico que publicamos, atopardes 7 prácticas que conducen á realización dun pequeno proxecto, un labirinto de canicas controlado mediante dous motores servo. Esperamos que este material sexa de algunha axuda e que vos animedes a utilizalo.

Recursos Didácticos

Presentación do obradoiro en pdf
Prácticas de Arduino con Pduino
Plano de montaxe do labirinto de canicas
Cálculo do mecanismo de balanceo con Geogebra
Version extendida de Pduino cos obxetos utilizados no obradoiro
Instaladores de Arduino e Pure Data para Windows, Mac Os e Linux
Titorial de OSCdroid para usar o acelerómetro do movil

Labirinto de canicas at flickr
2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English