Auga Doce

http://www.augadoce.escoitar.org/

venres 21 de marzo do 2014, por Horacio González Diéguez

Todas as versións deste artigo : [Español] [galego]

A paisaxe sonora do Miño é unha interface HTML5 baseada en PlayerMap deseñada, co fin de facer un punto de escoita interactivo para pantalla táctil, con motivo da exposición Auga Doce celebrada na Cidade da Cultura de Galicia entre o 21 de marzo e o14 de setembro de 2014. Contén rexistros sonoros do curso do río Miño repartidos ao longo do seu percorrido, desde o seu nacemento no Pedregal de Irimia ata a súa desembocadura no Farol da Insua, para amosar a súa riqueza e a súa sonoridade.


PNG - 3 MB
Paisaxe sonora do Miño | Auga Doce

En outono de 2013 a Fundación Cidade da Cultura ponse en contacto co Arquivo Sonoro de Galicia co fin de utilizar gravacións do rio Miño, no contexto dunha exposición sobre grandes rios. Como nese intre o Arquivo Sonoro de Galicia non conta con ningunha gravación de ditas características, suxire á Fundación que contacte co colectivo Escoitar, que leva desenvolvendo traballos de gravación de campo, especificamente relacionados coa paisaxe sonora, dende o ano 2006. Nun primeiro contacto co colectivo, a Fundación propón a posibilidade de reproducir gravacións sonoras do rio Miño a través dun punto de escoita ou como son ambiente, pero o colectivo expón que utilizar paisaxes sonoras como música muzak ten pouco sentido e que resultaría mais interesante realizar un proxecto de gravación de campo na contorna do rio Miño moito mais ambicioso, invitando a distintos artistas sonoros de Galicia e do norte de Portugal a traballar con material sonoro procedente da zona.

Finalmente, a Fundación opta por facer un pequeno punto de escoita interactivo e decide contar coa axuda técnica de varios membros do colectivo para desenvolvelo, Jesús Otero e Carlos Suárez quedan encargados de realizar gravacións de campo específicas para o proxecto e Horacio González de programar e deseñar a interface do punto de escoita. Paralelamente acórdase que as gravacións pasen a formar parte tanto do Arquivo Sonoro de Galicia como do mapa sonoro de Escoitar, unha vez finalizada a exposición.

Xa podedes escoitar as gravacións do rio Miño tanto a través da web de Escoitar como da versión online do punto de escoita que atoparedes no seguinte enderezo.
http://www.augadoce.escoitar.org/

2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English