Normalización
Normalización
Esta é unha secuencia de traballos ao redor da cuestión das caixas de cartón e do seu pregado, inspirada nunha serie de desenvolvementos de pezas que atopei no CPI Antonio Orza Couto, cando incorporeime no centro en 2005. A secuencia está deseñada para fomentar o desenvolvemento da visión espacial de cara ao traballo con vistas e pezas, e para abordar distintos contidos de debuxo técnico como a normalización, a acotación ou as escalas.
A primeira proposta da secuencia consiste en avaliar e repasar os coñecementos sobre normalización cos que conta o alumnado, a través dunha pequena ficha que incide nos diferentes tipos de liñas e convencións que podemos atopar nun plano.
A segunda proposta da secuencia consiste en facer unha caixa do libro The packaging and design templates sourcebook para experimentar de xeito práctico a importancia das convencións e dos tipos de liñas que se acaban de repasar. No proceso de construción das caixas será necesario marcar cun bolígrafo sen tinta as dobreces representadas con liña discontinua para pregar con facilidade, utilizar o cutter para facer os cortes representados con liña continua con precisión, facer as dobreces limpamente e pegar as solapas con cola branca ou cinta de pegamento.
A terceira proposta da secuencia consiste en facer un exercicio de enxeñería inversa para descubrir como está feita a caixa dun produto comercial calquera. Para isto será necesario desmontar a caixa con coidado, tomar e anotar as súas medidas, debuxar un plano da mesma a escala nunha folla A3, e finalmente, facer unha fotocopia reducida do plano a tamaño A4 nunha cartolina para construír unha réplica da caixa e comprobar a calidade do traballo feito.
Como última proposta da secuencia, no curso 2010-2011, o alumnado fixo o desenvolvemento de distintas letras do abecedario co fin de construír os seus volumes en cartón. Unha vez construídos os volumes utilizáronse para facer unha serie de composicións formando palabras, como por exemplo os seus nomes ou título da revista escolar para a súa portada. O traballo con letras en lugar de pezas é moi interesante nos primeiros achegamentos á axonometría, á perspectiva ou as vistas porque son formas coñecidas que resulta sinxelo imaxinar con volume.
Luke Herriott, The packaging and design templates sourcebook, Rotovision, Mies, Suiza, 2007. [ISBN 978-2-940361-73-1]
F. Javier Rodríguez de Abajo e Victor Álvarez Bengoa, Dibujo técnico, 2º Bachillerato, Ed. Donostiarra, San Sebbastián, España,1995. [ISBN 84-7063-188-8]
VVAA, Dibujo técnico I, Grupo Edebé, Barcelona, España, 2002. [ISBN 84-236.6180-6]