Collagraph

Tecnicas de gravado para Educación Secundaria

martes 15 de novembro do 2016, por Horacio González Diéguez

1. Bosquexo
O primeiro paso consiste en elaborar un bosquexo do debuxo que vai utilizarse para o gravado. Aínda que faremos as matrices dun tamaño A5 aproximadamente para aforrar papel de gravado, cando traballamos con alumnado de 1º da ESO e mellor elaborar bosquexos grandes. Por exemplo podemos utilizar un caderno A3 e despois reducir a escala utilizando a fotocopiadora, esta estratexia é particularmente indicada para aumentar a densidade dos detalles nos debuxos dos rapaces e rapazas, porque no bosquexo teñen moito espazo para engadir cousas que despois transfórmanse en pequenos detalles na matriz.

2. Matriz
O Collagraph é unha técnica aditiva na que a matriz elabórase pegando distintos materiais como madeira ou papel a unha base de cartón. Trátase dunha técnica ideal para traballar coas texturas en 1º da ESO, porque simplemente debemos ir pegando distintos materiais á base ata rematar o debuxo e despois impermeabilizar a matriz, primeiro cunha boa capa de cola branca ou de carpinteiro e despois vernizando con goma laca. Nos cursos superiores pode resultar interesante traballar a cuestión da simetría no gravado, estudar como a imaxe impresa queda invertida de dereita a esquerda respecto da matriz orixinal. En primeiro da ESO tendo a esquecelo deixando que sexa un descubrimento para aqueles rapaces e rapaces que son o suficientemente observadores como para darse conta.

3. Estampado
O estampado das matrices é similar á de calquera gravado calcográfico, en todo caso as importantes diferencias de profundidade na matriz permiten o estampado con varias cores nunha soa pasada, seguindo a técnica de Hayter. Na aula, a cuestión mais importante a ter en conta é a dinámica de clase, o estampado é un proceso á vez delicado e sucio, que require bastante atención e disciplina. Probablemente contaremos cun só tórculo no que, ademais, non se debe traballar en grupos grandes. A miña estratexia e dividir a clase; formar grupos de catro persoas e estampar por quendas, mentres o resto do alumnado traballa noutra tarefa. O debuxo técnico pode ser un bo traballo paralelo, porque é unha tarefa individual que pide concentración. Para isto o fundamental é preparar uns bos apuntes e material de consulta para que a clase o utilice mentres traballas co grupo que está estampando.

4. Estampas
Calquera motivo pode resultar axeitado para facer Collagraph, aínda que traballando con rapaces e rapazas debemos evitar traballar sen pautas e nunca propoñerlles que fagan debuxo libre. Os cadros dunha exposición, a lectura dun poema ou os personaxes dunha novela poden resultar un motivo ideal e a necesidade de cinguirse a un tema lonxe de limitar a creatividade obriga ao alumnado a afrontar novos retos e tratar de debuxar cousas que nunca debuxaron.

JPEG - 3 MB
Interpretacións das tauromaquias de Goya feitas por alumnos e alumnas de 1º da ESO
JPEG - 5.6 MB
Personaxes de Matilda de Roald Dahl interpretados por alumnos e alumnas de 1º da ESO
JPEG - 5.1 MB
Imaxes creadas por alumnos e alumnas de 1º da ESO para ilustrar tres poemas de Curros Enríquez

Información sobre o Collagraph e a técnica de Hayter:

2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English