Proxecto colaborativo de construción de reproducións dos móbiles de Alexander Calder

xoves 1 de novembro do 2018, por Horacio González Diéguez

A construción de reproducións dos móbiles de Alexander Calder foi un proxecto que desenvolvín orixinalmente no CPI Antonio Orza Couto, o curso 2006-2007, con rapaces e rapazas de 1º da ESO. Pese aos fantásticos resultados obtidos, no seu momento non documentei, pero o curso pasado, 2017-2018, tiven a ocasión de repetir o proxecto no IES de Milladoiro. Esta vez si, quero compartir a experiencia a través deste artigo.

Contidos / obxectivos do proxecto:

  1. 1. Aprender a colaborar e desenvolver un proxecto en equipo.
  2. 2. Poñer en practica o proceso creativo dende o esbozo inicial ata a construción dunha escultura volumétrica.
  3. 3. Aprender a buscar información e imaxes en internet, contrastando as fontes e citándoas.
  4. 4. Poñer en valor a arte abstracta e aprender a valorar obras que non representen nada.
  5. 5. Coñecer a figura de Alexander Calder e a súa obra.
  6. 6. Fortalecer a autoestima de grupo desenvolvendo un proxecto ambicioso que teña visibilidade no centro e quede exposto de xeito permanente no mesmo.

Observacións e propostas de mellora:

Esta proposta de traballo por proxecto é unha actividade que require moito tempo e esforzo para poder desenvolvela. Os equipos de traballo deben estar moi motivados porque a realización do proxecto prolóngase durante varios meses e ao comezo pode semellar unha tarefa inalcanzable para o alumnado. O proxecto desenvólvense en 7 fases:

  1. 1. Procura de información sobre Alexander Calder en internet.
  2. 2. Procura de imaxes de esculturas de Alexander Calder en internet e posterior selección de unha por equipo.
  3. 3. Elaboración dun esbozo da escultura, numeración das pezas en que se compón e reparto do traballo no equipo.
  4. 4. Construción das pezas en cartón a partir de modelos de papel calcados nunha proxección da imaxe da escultura.
  5. 5. Montaxe do móbil con arame, as pezas de cartón e cinta americana.
  6. 6. Pintado das esculturas con espráis de cores.
  7. 7. Elaboración de cartelas informativas e instalación dos móbiles no centro.

Nesta segunda ocasión que levo a cabo o proxecto estruturei con mais claridade as fases de desenvolvemento do mesmo, impoñendo entregas ao longo do proceso, o que foi moi positivo. Por exemplo, a utilización de fichas para a recollida de información e procura de imaxes, e as clases teóricas previas, sobre como utilizar os buscadores, como citar fontes e que dereitos teñen as imaxes en internet, foron un éxito á hora de dotar de contidos a actividade e favorecer unha dinámica produtiva nas primeiras sesións de traballo na aula informática.

Outro cambio respecto da primeira vez que desenvolvín o proxecto foi a idea de usar o proxector para calcar as pezas, que foi unha proposta do alumnado. Esta forma de traballar foi de moita axuda xa que, aínda que houbo que facer quendas para calcar as pezas, acelerou o proceso de elaboración das mesmas e facilitou unha estimación aproximada do tamaño final que terían as esculturas unha vez rematadas.

A fase mais exixente do proxecto é a construción dos móbiles polas dificultades de manipulación que teñen os rapaces e rapazas de 1º da ESO e polo risco que implican tarefas como cortar de pezas de cartón con cutters, dobrar de arame con tenazas, pintar con espráis, etc. É fundamental concienciar adecuadamente ao alumnado respecto dos riscos, manter un estrito control dos materiais e supervisar constantemente aos equipos cando traballan. A colaboración de mais profesorado houbera facilitado moito o traballo e reducido o estrés que supuxo a xestión da aula durante o desenvolvemento do proxecto, pero aínda que fixen unha invitación xenérica a implicarse no proxecto ninguén o fixo.

Finalmente, para a corrección dos textos das cartelas, solicitei axudas dos profesores e profesoras de Lingua Galega e Lingua Castelá. A través de estas materias, revisáronse os textos e fíxose as indicación necesarias para melloralos, con todo, creo que o ideal sería telo proposto antes, para que asumisen a elaboración das cartelas a partir das fichas de procura de información como traballo propio das súas materias.

Tempo necesario:

As dous primeiras fases requiren dúas sesións de clase cada unha; unha presentación teórica e unha sesión de traballo na aula informática. A continuación é necesario adicar unha sesión a seleccionar unha imaxe por equipo, organizando algún tipo de votación, e outra para a elaboración do esbozo e o reparto de traballo. Son as fases de construción e montaxe as que requiren un maior tempo e resulta difícil estimar canto, xa que depende da destreza do alumnado o tamaño dos grupos, etc. En xeral, estas fases poden requirir unhas seis sesións de traballo. Para pintar as esculturas é necesario adicar dúas sesións xa que, aínda que o traballo faise con moita rapidez e sobra bastante tempo, hai que contar cos tempos de secado á hora de aplicar varias capas de pintura e pintar polas dúas caras de cada peza. Finalmente a elaboración das cartelas pode quedar como traballo para a casa e a colocación dos móbiles facerse durante os recreos. En total estimo que para este proxecto adicaríanse unhas 14 clases o que supón practicamente un trimestre completo.

Materiais necesarios:

Cartón de encadernación de dous ou tres grosores diferentes, entre 5mm e 1mm, para dar a consistencia axeitada ás pezas dependendo do seu tamaño.

Arame de dos grosores, un mais groso e resistente para os arcos de maior tamaño e outro mais maleable para os demais. É importante que o arame sexa o suficientemente groso para que non se deforme co peso das estruturas, pero que non sexa excesivamente groso para que o alumnado poda manipulalo con tenazas.

Cinta americana para pegar as pezas de cartón aos arames, fío de nailon para colgar os móbiles e espráis de cores pintar os móbiles unha vez feitos.

Descargar Ficha para recollida de información de artistas en formato PDF (13.4 KB)

CC by-nc-sa
2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English