Edición dun fanzine escolar con alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO

martes 5 de xullo do 2022, por Horacio González Diéguez.

Citar

González Diéguez, Horacio. Edición dun fanzine escolar con alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO [online]. Santiago de Compostela, España, VHPlab, xullo de 2022 [versión de xullo de 2022] [Consultado el ]. Disponible en Internet: http://www.vhplab.net/spip.php?article436
JPEG - 1.7 MB

Este curso, 2021-2022, desenvolvín un pequeno proxecto de auto-edición dun fanzine, con sete rapaces e rapazas de 2º, 3º e 4º da ESO, do IES Lagoa de Antela: Sara Camino, Noel Carrasco, Ariadna González, Laura Martínez, Beatriz Neagu, Alex Nieto e Chen Xuan Xu. Foi un proxecto que levamos a cabo entre o Departamento de Educación Plástica e a Biblioteca do centro, de xeito totalmente independente, sen ligalo a ningunha materia, reuníndonos semanalmente cos participantes en horario de lecer. Iniciámolo convocando a unha selección de rapaces e rapazas que lles gusta debuxar e propoñéndolles formar un grupo de traballo, para publicar un fanzine, a final de curso. O obxectivo desta publicación sería recadar cartos para organizar unha excursión e poder visitar, o vindeiro curso, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, un centro con Bacharelato de Artes e unha escola de Artes e Oficios.

Este proxecto xurdiu como resposta a que, no centro no que traballo, contamos cun importante número de alumnos e alumnas de altas capacidades en debuxo, distribuídos entre os distintos cursos da ESO. Trátase de alumnado que amosa unha madurez estilística e de trazo, xunto cunha capacidade de abstracción espacial e de expresión gráfica, moi superior á que lle corresponde por idade e que, pola contra, en xeral ten un mal rendemento académico. A gran maioría ten dificultades no resto das materias e son considerados malos estudantes, varios repetiron algún curso da ESO e un forma parte do grupo de PMAR. O obxectivo da proposta foi poñer en valor as capacidades deste alumnado, ofrecerlles un espazo no que sobresaír na comunidade educativa do centro e motivalos de cara a oferta educativa á que poden optar cando rematen a ESO.

Tratouse dun proxecto improvisado que comezamos en marzo, cando o curso xa estaba moi avanzado, polo que tivemos que traballar a fume de carozo. En varias ocasións foi necesario sortear a falta de comprensión da proposta, por parte de certos profesores e profesoras doutras materias. Particularmente para compatibilizar as dinámicas do grupo de traballo do fanzine co desenvolvemento previsto para as clases durante o último mes de curso. Este ano resultou especialmente complexo debido a un cambio de normativa que adiantou a avaliación final a maio e a convocatoria extraordinaria de setembro a xuño. Con todo, a última semana de clase logramos rematar a publicación e encadernar máis de 120 exemplares, obtendo uns resultados espectaculares e unha resposta, por parte da comunidade educativa, que fixo do obxectivo de poñer en valor ao alumnado participante un éxito rotundo.

A idea de desenvolver este proxecto ocorréuseme durante unha garda de recreo ao decatarme de que moitos dos rapaces e rapazas con altas capacidades en debuxo levaban cadernos, nos que esbozaban pequenas historietas de banda deseñada. Cada ano, cara a terceira avaliación, a Fundación Carlos Casares organiza unha charla cun ilustrador no noso centro, polo que lle propuxen, a miña compañeira de departamento, constituír un grupo de traballo para publicar un fanzine de banda deseñada e modificar o formato da charla co ilustrador, co fin de convertela nun obradoiro práctico para un grupo mais reducido de alumnos e alumnas, que incluíse dito grupo de traballo. Así comezamos a reunirnos semanalmente na biblioteca do centro co alumnado interesado en participar na publicación fanzine e a desenvolver o proxecto sobre a marcha, establecendo fitos temporais e datas de entrega parciais do traballo de cada alumno e alumna.

Obxectivos do proxecto

Desenvolvemento do proxecto

1ª Fase – Definición do proxecto e traballo individual dos e das autoras

A primeira reunión do grupo de traballo adicouse a presentar a proposta ao alumnado e compartir imaxes de fanzines, xa que non todas as persoas participantes coñecían en que consistía unha publicación deste tipo. Nesa primeira reunión unha das participantes propuxo como referente a película “Moxie” (2021) -https://www.imdb.com/title/tt6432466/- que narra como unha adolescente denuncia o machismo na súa escola, a través da publicación dun fanzine. Outro dos referentes que tomamos foi a novela ilustrada de María Queraltó “Me cuesta Bivir” -https://traficantes.net/libros/me-cuesta-bivir-.

As seguintes reunións adicáronse a acordar un tema que tratarían as distintas historias do fanzine para poñelas en relación e dar sentido de conxunto á publicación. O tema debía ser o suficientemente libre e aberto como para que todas as persoas puideran sumarse dende os seus distintos intereses. Finalmente, a proposta do Departamento de Orientación do centro, acordamos incluír nas historias cuestións relacionadas co xénero, o machismo ou o feminismo, xa que, recentemente, varios compañeiro e compañeiras do instituto cambiaron de xénero.

As restantes reunións desta fase de traballo adicáronse a escoller o título do fanzine “DNI ADN. Somos sentimos”, concretar as historias que faría cada participante, decidir o número de páxinas que podían comprometerse a facer, establecer que traballos requirían o uso da cor e facer un seguimento semanal do progreso de cada autor e cada autora. Deste xeito, cando celebramos a xornada do obradoiro de ilustración con Cristian F. Caruncho, o mércores 4 de maio, a maioría dos participantes tiñan moi avanzado o seu traballo. O que fixo que o obradoiro resultase moi proveitoso, xa que o alumnado do grupo de traballo do fanzine puido pedir consello sobre as súas historietas e resolver dúbidas ou facer consultas moi concretas.

2ª Fase – Recepción de materiais e maquetación da publicación

Despois do obradoiro de ilustración, establecemos un formato de presentación dos traballos de cada participante (A3 entintado con estilografo) e unha data final de entrega. Lamentablemente, fomos prorrogando a data de entrega dende mediados de maio ata principios de xuño, o que demorou en exceso a fase de impresión e encadernación da publicación e fixo que fose imposible rematar a publicación ata a última semana de curso.

Como parte do proceso de entrega solicitamos a cada autor e autora que reescribise nun documento de texto, no ordenador, os diálogos da súa historia, que os imprimise na Biblioteca e os revisase co profesorado de Lingua Galega ou Lingua Castelá, segundo correspondera. Tamén escaneamos os traballos na fotocopiadora do centro e editamos os arquivos con Photoshop para corrixir pequenos erros, borrar o texto feito a man e introducilo por ordenador. Finalmente, eu maquetei o fanzine con InDesign, organizando os contidos para sacalo nun único libro de 24 páxinas, feito con 6 pregos A3.

Nesta fase de entrega, dúas das oito persoas que inicialmente formaban parte do grupo de traballo non foron quen de entregar o seu traballo en condicións; unha delas non pasou a ordenador nin revisou os textos da súa historia e a outra presentou un esbozo sen rematar. Como a estrutura e número de páxinas da publicación estaba xa definida, nese intre as únicas solución posibles eran eliminar o prego completo de 4 páxinas que ocupaban os seus contidos ou imprimir a historia cos textos a man e improvisar un contido de dúas páxinas para substituír o traballo sen rematar. Tras unha reunión do Departamento, acordamos preservar o traballo que estaba rematado e incluír unha serie de textos de presentación de cada unha das persoas participantes.

3ª Fase – Impresión e encadernación da publicación

A fase de impresión e de encadernación da publicación compaxinouse co final da fase de entrega, xa que comezamos a preparar a portada antes de rematar o resto dos contidos. Ariadna, unha das rapazas do grupo de traballo que tiña especial interese no lettering e na caligrafía, foi a encargada de deseñala e estampala. O seu deseño orixinal tiña unha composición estática, que non convencía a todo o grupo, e requiría unha impresión a cor, que limitaba o tipo de papel utilizable para dar cobertura á publicación. Por esta razón decidín propoñerlle utilizar a técnica do gofrado para elaborar a portada do fanzine, de xeito que puidésemos manter o carácter tipográfico da mesma, evitando a impresión a cor, e utilizar un papel de gravado, mais groso e agradable.

A idea de utilizar esta técnica de estampaxe xurdiu dunha exposición de Anni e Josef Albers que tiven a sorte de visitar no IVAM e ofreceu uns resultados fantásticos, aínda que obrigou a refacer por completo o deseño orixinal. Ariadna elaborou uns novos textos para a portada, mais sinxelos e lexibles. Eu preparei a matriz en cartón contracolado, vernizado con goma laca, cortando as letras con coitela e pegándoas invertidas en espello, con cola branca. Finalmente, os rapaces e rapazas do grupo de traballo do fanzine xunto co alumnado de Debuxo Artístico I de Bacharelato, estamparon as portadas no tórculo da Aula de Plástica, durante as últimas dúas semanas de clase, baixo a supervisión de Ariadna.

Para o resto da publicación, decidimos buscar un papel reciclado, de 90 gramos, que combinase axeitadamente co papel de gravado. Afortunadamente, a través de digitalpapel.com, atopamos un papel ecolóxico de caña de azucre sen blanquear, que resultou ideal, tanto polo seu aspecto como pola calidade da impresión. Trátase dun papel de cor tostada con fibra visible, dispoñible en formato A3 e A4, que se pode utilizar para impresión láser e para inxección de tinta.

Como os formatos DIN A non se corresponden cos formatos do papel de gravado, foi necesario adaptar o deseño do fanzine ao formato do produto mais caro, para buscar o máximo rendemento deste material. Por esta razón decidimos facer as portadas cortando cada papel de gravado, de 106 x 78 cm, en 8 pregos de 39 x 26,5 cm. Isto obrigou a recortar o papel de caña de azucre, que mercamos en formato A3, a un tamaño de 38,5 x 26 cm, despois de facer a impresión dos contidos do fanzine, nas fotocopiadoras do centro. O recorte do papel permitiu salvar os marxes de impresión e facer vairas páxinas a sangue, pero foi a parte mais laboriosa do proceso de encadernación.

Por último, dobramos pola metade os pregos de papel de caña de azucre e a portada, formamos un único libro, tradeamos sete buratos a 1 centímetro do seu canto e fixemos un cosido xaponés con fío de la. Para levar a cavo esta parte do traballo con rapidez, os tres últimos días de clase organizamos unha cadea de produción, na Aula de Plástica. Durante as primeiras horas da mañá, que na maioría dos días tiña libres, eu cortaba o papel e organizaba a cadea de produción. O resto da xornada, a Aula de Plástica quedaba aberta a disposición do alumnado que puidera achegarse e sumarse á cadea de produción, en función da súa dispoñibilidade horaria. A pauta que demos ao alumnado foi que pedise permiso para traballar na encadernación do fanzine, unicamente en horario de materias que tivese aprobadas.

Pola parte do alumnado, a cadea de produción funcionou á perfección e logramos encadernar ao redor de 40 exemplares cada día. Todos rapaces e rapazas que participaron tiveron un comportamento excelente, aínda que en moitas ocasións traballaron de xeito autónomo durante horas, sen ningunha supervisión. Pola parte do profesorado, a dinámica que establecemos resultou bastante máis problemática. Pese a que moitos profesores e profesoras non sabía que facer co alumnado durante as últimas semanas de clase e adicaron o tempo a ver películas, saír ao patio ou cubrir fichas, recibimos constantes queixas sobre a ausencia dos alumnos nas súas clases ou a falta de organización. Mentres que a percepción do alumnado era que na maioría das materias non estaba facendo nada, polo que prefería traballar na Aula de Plástica, a percepción do profesorado era que o alumnado deixaba de facer unhas tarefas esenciais para a súa materia, cando faltaba.

Materiais e recursos que foron necesarios

Para a elaboración da portada utilizamos cartón contracolado (cartón gris), coitela (cutter) e regras, cola branca, goma laca, alcohol de queimar para diluír o verniz, brochas para vernizar, papel de gravado Hahnemühle de 106x78 cm de 230 gr/m2 (25 unidades), papel secante, trapos e o tórculo da Aula de Plástica.

Papel para a impresión utilizamos papel A3 de caña de azucre de 90 gramos (1250 unidades)

Para a encadernación utilizamos unha lámina de plástico para preparar unha pauta de perforación, lapis, perforadora, agullas de tapicería do número 18 e la.

Resultados