Unidade Didáctica Celso Emilio Ferreiro

mércores 11 de abril do 2012, por Horacio González Diéguez.

Citar

González Diéguez, Horacio. Unidade Didáctica Celso Emilio Ferreiro [online]. http://www.vhplab.net/cef/. Santiago de Compostela, España, VHPlab, abril de 2012 [versión de xaneiro de 2015] [Consultado el ]. Disponible en Internet: https://www.vhplab.net/spip.php?article169

Esta unidade didáctica para o Proxecto Abalar sobre o escritor e poeta galego Celso Emilio Ferreiro foi desenvolvida en colaboración con Ouvirmos S.L e Ramón Nicolás, como parte dun conxuto de actividades promovidas por Ouvirmos, que inclúen á páxina web da Fundación Celso Emilio Ferreiro, un punto de información multimedia e a edición dunha Fotobiografía Sonora do autor. Todas elas levadas a cabo con motivo do centenario do nacemento do autor no contexto do Ano Celso Emilio Ferreiro.

A unidade propón un breve percorrido biográfico pola figura do autor a través de seis etapas da súa vida e dunha serie de xogos baseados na súa obra, que son a chave para completar un pequeno álbum fotográfico de Celso Emilio Ferreiro. Como se fose unha colección de cromos, os xogadores deben rematar correctamente cada unha das probas, para completar o álbum e poder ver todas as fotografías. Hai tres modelos de xogos; un cuestionario sobre un tema relacionado con cada unha das etapas, un damero que cita unha obra de Celso Emilio Ferreiro correspondente a cada etapa e finalmente, un xogo chamado fervenza de palabras que permite escoitar ao autor recitando a súa poesía de xeito divertido e interactivo.

É unha aplicación web deseñada e optimizada para utilizala nos ultraportátiles do Proxecto Abalar que teñen unha pantalla de 1280x800, un sistema operativo Linux e utilizan Firefox como navegador. Para o desenvolvemento usáronse obxectos de HTML5 como canvas e audio que permiten crear animacións facer transicións entre as distintas pantallas e reproducir son sen necesidade de utilizar complementos como Flash Player.