O Mapa colaborativo do Exilio español en México é unha aplicación web que permite visualizar distintas lembranzas subxectivas e persoais dos exiliados de forma xeolocalizada. Unha cartografía online alimentada por entrevistas, fotos, documentos da época e textos recollidos en obradoiros e mesas de traballo realizados durante os primeiros meses de 2014 no CCEMx, que foron coordinados por Fred Adam e Verónica Perales (GPS Museum, Transnational Temps), Nadia Méndez (Investigdora especializada no Exilio) e Xoán Xil (Escoitar.org). A partires deste mes, tralo lanzamento público do mapa, todos os interesados poderán participar aportando os seus propios nodos ou visitalo para coñecer un pouco mais sobre a historia do Exilio español en México, nunha dirección temporal.
Paralelamente, pola nosa banda, iremos mellorando o deseño e a programación desta ferramenta e incorporando todas as suxestións que podamos das persoas que participen, co obxectivo de que o desenvolvemento do mapa estea acabado no outono. A partir dese momento, pecharase o período de participación e trasladarse o mapa definitivo a unha dirección permanente no servidor do CCEMx. Esta primeira versión da ferramenta que se publica coa presentación do mapa foi desenvolvida en estreita colaboración con Fred Adam e é plenamente funcional. Ao longo do ano esperamos poder incorporar unha atractiva adaptación para dispositivos móbiles ou tablets e unha API que permita aos usuarios reutilizar toda a información publicada para o desenvolvemento de terceiras aplicacións.
Invitámosvos a coñecer o proxecto e a participar aportando os teus propios recordos ou os dos teus familiares.
+INFO: Nota de prensa