Elaboración de mosaicos e fondos de escritorio con ceras Manley

Domingo 28 de julio de 2019, por Horacio González Diéguez.

Citar

González Diéguez, Horacio. Elaboración de mosaicos e fondos de escritorio con ceras Manley [online]. Santiago de Compostela, España, VHPlab, julio de 2019 [versión de julio de 2019] [Consultado el ]. Disponible en Internet: https://www.vhplab.net/spip.php?article363

O traballo ao redor do deseño de mosaicos é unha actividade que desenvolvo, dende hai tempo, con alumnado da ESO, tanto de 1º, como de 3º e 4º. Utilizo este recurso didáctico a raíz dunha serie de cadernos para a aula de matemáticas, con dous volumes sobre mosaicos, que atopei por casualidade, cando comecei a dar clase. Naquel momento, a proposta dos dous volumes sobre mosaicos pareceume moi interesante, pero demasiado extensa para desenvolver na materia de Educación Plástica, polo que preparei unha ficha resumida, con algúns extractos do primeiro volume. Aínda que, todos os anos, utilizo unha versión que fun mellorando pouco a pouco daquela ficha, ata este curso nunca quedei enteiramente convencido dos resultados desta proposta de traballo.

Este ano introducín dous cambios na actividade que deron un resultado fantástico. En primeiro lugar decidín utilizar ceras Manley para dar cores aos mosaicos, xa que a intensidade das ceras brandas ofrece uns resultados moi vistosos e interesantes. Pode parecer que o uso deste tipo de material, nunha composición xeométrica, é contraditorio, pero acaba facilitando moito o traballo. Para dar as cores conservando os contornos, é necesario utilizar reservas de papel ou cartolina, polo que cada alumno e alumna vese obrigado a repetir o seu deseño dous ou tres veces para construílas. Pola contra, non necesitan trazar o deseño en todas e cada unha das teselas do mosaico e, tanto o concepto de modularidade como a posibilidade de xirar ou voltear o deseño, fanse moi evidentes. En segundo lugar decidín incorporar á actividade unha fase de traballo en relación ao tratamento dixital da imaxe. Despois de rematar os mosaicos os escaneamos e adicamos unha sesión de clase na aula informática a modificar as súas cores con GIMP e crear fondos de pantalla coas imaxes resultantes. Aquí vos deixo os resultados.

Contidos / obxectivos do proxecto

Desenvolvemento da actividade

Fase de deseño e elaboración (9 sesións de traballo)

Na aula de plástica traballo con varios cadernos de actividades distintas, que circulan simultaneamente pola clase. Isto obriga ao alumnado a xestionar o tempo e organizarse de xeito autónomo, pero dificulta o cálculo do número de sesións de traballo que adicamos individualmente a cada tarefa. O deseño e a elaboración dos mosaicos é unha das actividades que mais tempo consume, aínda que a técnica das reservas de papel acelera enormemente o traballo, son necesarias tres sesións de clase por mosaico, como mínimo. A primeira sesión de traballo para trazar a cuadrícula, a segunda para debuxar e recortar a reserva e a terceira para dar as cores. No caso de ir xustos de tempo o alumnado pode rematar de dar as cores na casa.

Descargar Caderno de Mosaicos de Horacio González Diéguez en formato PDF (14.9 MB)

CC by-nc-sa

Xunto coa versión mais recente da ficha de mosaicos que utiliza o alumnado para realizar esta actividade, achego unha serie de vídeos paso a paso, que explican o seu proceso completo de elaboración. As explicacións en vídeo son un formato de material de consulta que comecei a incorporar recentemente as miñas actividades de clase, teñen a vantaxe de que son moi claros, fáciles de compartir e sorprendentemente rápidos de producir.

Fase de dixitalización e tratamento das imaxes (8 sesións de traballo)

A dixitalización dos mosaicos cun escáner é un proceso lento que, en condicións normais, só podemos facer individualmente, traballo a traballo. Por esta razón, procuro que esta non sexa a última actividade dunha avaliación, de xeito que o alumnado teña tarefas para facer, unha vez remate os mosaicos. Isto posibilita ir chamando aos alumnos e alumnas un a un, para que escaneen o seu mosaico segundo van terminando, sen que ninguén quede sen traballo, mentres espera a súa quenda para escanear. Unha boa dinámica, para esta fase da actividade, é explicarlle ao primeiro alumno ou alumna como escanear, ao principio da clase, que el ou ela llo expliquen á seguinte persoa e seguir así sucesivamente. Na miña experiencia, resulta difícil escanear mais de cinco traballos nunha sesión de clase, polo que con grupos numerosos de 30 persoas, hai que calcular un mínimo de 6 sesións de clase para poder dixitalizar todos os traballos. Polo tanto, é importante planificar suficientes actividades para que o alumnado leve a cavo entre o momento en que se remata os mosaicos e o momento de ir a Aula Informática.

Unha vez dixitalizados todos os traballos bastan dúas sesións de clase na Aula Informática para facer os fondos de pantalla. Unha primeira sesión para facer a introdución á contorna de traballo de GIMP e as súas ferramentas, e unha segunda sesión sobre os filtros de balance, matiz, saturación, brillo e contraste de cor. A diferencia do proceso de dixitalización, na Aula Informática, a actividade desenvólvese de xeito simultáneo; toda a clase á vez levando a cabo a mesma tarefa, preferiblemente por parellas. Co fin de facilitar o traballo autónomo de cada parella e para evitar unha longa explicación á que ninguén fai caso, neste contexto resulta ideal utilizar explicacións en vídeo como as anteriores. Así, cada quen pode poñer o vídeo no seu ordenador e seguir os pasos ao seu ritmo parando e activando a reprodución do vídeo cando o necesita.

Materiais e recursos necesarios

Resultados

Referencias bibliográficas

J. A. Mora e J. Rodrígo, Mosaicos I, Colección :2 puntos, Cuadernos para el aula de Matemáticas, Proyecto Sur de Ediciones, 1993, Granada. [ISBN 84-87387-47-0]

J. A. Mora e J. Rodrígo, Mosaicos II, Colección :2 puntos, Cuadernos para el aula de Matemáticas, Proyecto Sur de Ediciones, 1993, Granada. [ISBN 84-87387-47-0]