Estudo dunha caixa II

Proposta de mellora respecto da secuencia de traballos ao redor das caixas en 3º da ESO

domingo 4 de novembro do 2018, por Horacio González Diéguez

O estudo dos despregables de caixas é unha proposta didáctica que levo desenvolvendo con alumnado de 3º da ESO dende hai anos e que podedes ver aquí. Trátase dun traballo moi completo que permite abordar, dun xeito motivador, cuestións como a visión espacial, o desenvolvemento de poliedros, a elaboración de planos complexos, ou uso de cotas e liñas de distintas clases.

Con todo, había unha serie aspectos da proposta que resultaban pouco satisfactorios e, recentemente, decidín cambiar o xeito en que levo a cabo este traballo. En primeiro lugar, ao longo dos anos fun comprobando que moitos dos deseños do libro The packaging and design templates sourcebook, que utilizo para obter os modelos da primeira caixa que fan os alumnos e alumnas, están tarados e teñen pequenos fallos ou omisións. En segundo lugar as impresións destes modelos en cartolina son bastante caras e o alumnado no o valora. En xeral, tenden a facer a caixa correndo, cortando e pegando de calquera maneira, de xeito que cando rematan o resultado é bastante desastroso. Despois, simplemente piden outro modelo en cartolina para repetir o traballo como se nada, chagando incluso a pretender estragar tres ou catro cartolinas antes de asumir que hai que traballar poñendo algo de atención.

Co obxectivo de romper esta dinámica e poñer en valor a cartolina, decidín que fosen os alumnos e alumnas os que debuxasen o modelo na cartolina en lugar de imprimilo. Despois de traballar durante unha hora no trazado dun plano, é esperable que a persoa faga os cortes e as dobreces con algo mais de coidado, aínda que só sexa para evitar ter que pasar outra hora debuxando. Deste xeito, a elaboración da primeira caixa incorpora novos contidos como a interpretación dun plano de referencia ou o uso dos instrumentos de debuxo técnico para copialo, polo que a proposta de traballo resulta aínda mais completa. Para poder debuxar os modelos estou preparando unha serie de fichas que explican como facer o trazado paso a paso, e xa de paso, vou corrixindo os erros dos modelos orixinais e simplificando o trazado. Este curso utilicei tres das fichas por primeira vez, con alumnado de 3º da ESO do IES Eduardo Pondal, e considero que foi un éxito.

Descargar Modelos de despregables de caixas pao a paso en formato PDF (923.7 KB)

Na segunda parte do traballo, en lugar de copiar o plano dunha caixa dun produto calquera atopado pola casa, decidín que sería interesante facer un deseño paramétrico con Geogebra que cada persoa puidera modificar, para facer unha caixa diferente partindo dos mesmos planos. Xa que, agora, a primeira parte da proposta implica debuxar un plano bastante complexo, en lugar de trazar a man o plano da segunda caixa, podemos facelo no ordenador e, así, seguir introducindo novos contidos na proposta.

Xa que a elaboración dos planos da segunda caixa vai facerse na aula de informática, en vez de usar unha ficha paso a paso en papel como na primeira caixa, resulta moito mais práctico utilizar un vídeo coa captura do proceso completo de elaboración do plano en Geogebra. Así, cada alumno e alumna pode ir debuxando ao seu ritmo no ordenador e, incluso, utilizar o vídeo como material de referencia para rematar a tarefa na casa se lle falta tempo. Este ano tamén utilicei o vídeo pro primeira vez e a experiencia foi moi positiva. En breve publicarei imaxes dos resultados da proposta deste curso.

2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English