A cianotipia como recurso didáctico

xoves 15 de novembro do 2018, por Horacio González Diéguez

Todas as versións deste artigo : [Español] [galego]

Descargar Apuntes sobre Cianotipia en formato PDF (3.3 MB)

A cianotipia trátase dunha técnica excelente para organizar unha primeira experiencia sobre o proceso fotográfico, xa que a posibilidade de traballar con luz eléctrica durante todo o proceso e o uso de auga como revelador, facilitan moito o traballo. Ademais, conceptos clave na fotografía, como o de exposición, imaxe latente ou o propio revelado, son moi doados de comprender na cianotipia e se poden observar a simple vista.

Como veredes na fotocopia, a cianotipia foi inventada na primeira metade do século XIX polo astrónomo John Herschel. Con todo, foi a botánica Anna Atkins quen a popularizou a través dunha serie de libros no que utilizou fotogramas feitos mediante esta técnica, para documentar diversas plantas. A cianotipia foi utilizada durante décadas para reproducir planos e documentos usando os orixinais directamente como negativos de contacto. De aí ven o uso da palabra blueprint en inglés para referirse aos planos dun edificio ou dun obxecto e, por iso, as imaxes dos planos nos debuxos animados antigos amosan unha folla de cor azul intenso con liñas brancas. Na miña opinión, a estética orixinal de programas como Autocad recolle a herdanza visual da cianotipia ao usar a cor negra de fondo con liñas claras para os obxectos.

A base química desta técnica é moi sinxela, as cianotipias fanse utilizando unhas sales de ferro sensibles a luz ultravioleta que ao expoñerse ao sol pasan de ser solubles á auga a ser insolubles e cambian de cor. As sales de ferro que depositamos no papel ou na tela, teñen unha cor verde clara e poden retirarse da superficie con facilidade limpando con abundante auga, pero ao expoñelas a luz solar comezan a transformarse cambiando de cor e deixando de ser solubles. Pasados varios minutos, aquelas partes da superficie que reciban suficiente luz solar quedaran dunha cor verde intensa ou gris e cando limpemos a imaxe con auga para revelala, non se desprenderán da superficie xa que deixaron de ser solubles. Aquelas partes da imaxe que permanezan tapadas seguirán verde claro e se limparán con facilidade, pero aquelas partes que queden expostas á luz pasarán a estar dunha cor gris verdosa e ao mollalas, en lugar de diluírse tomaran unha cor azul intenso por un proceso de oxidación. O resultado é pois unha imaxe en negativo de aquelo que poñamos en contacto co papel emulsionado durante a exposición.

Podemos utilizar obxectos opacos e traslúcidos para crear as nosas cianotipias como facía Anna Atkins ou preparar negativos impresos en papel vexetal, acetato ou papel poliester. Tamén podemos usar camisetas ou obxectos de tela como superficie en lugar de utilizar papel. O proceso é moi sinxelo, basta seguir as instrucións da fotocopia, e os resultados adoitan ser moi bos! Na miña experiencia o maior problema é o soporte e o secado. A tela ou o papel deben estar perfectamente secos antes de expoñerse para que as sales estean correctamente depositadas na superficie e non sexan arrastradas pola auga aínda que deixaran de ser solubles. Por outra banda, cada material é un mundo; hai papeis baratos como o Guarro Basik que dan resultados excelentes e papeis moi caros de acuarela que funcionan bastante mal. O proceso depende enormemente da composición química do soporte, da rugosidade da súa superficie e de se hai algunha capa protectora que impida que as sales queden adheridas.

2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English