Prácticas con sólidos primitivos en OpenSCAD

martes 29 de xaneiro do 2019, por Horacio González Diéguez

Como proposta de reforzo para o traballo da representación de figuras nas distintas axonometrías imos utilizar un programa de modelado 3D e construír pezas con el en lugar de debuxalas no papel. O programa que utilizaremos chámase OpenSCAD, é libre e pódese instalar tanto en Linux, como en Windows e Mac OS.

1ª Práctica - Cubo e translación

Para modelar obxectos en 3D imos partir dunha serie de sólidos primitivos. O primeiro deles, o cubo, é moi sinxelo de utilizar. Simplemente debemos escribir o seguinte código na xanela de edición de OpenSCAD. O primeiro parámetro corresponderá ao tamaño do prisma no eixo X, o segundo ao tamaño no eixo Y, e o terceiro ao tamaño no eixo Z.

cube([1,1,1]);
PNG - 185 KB

Para poder colocar o sólido en calquera lugar do espazo debes trasladarte antes de construílo. O xeito de facelo é escribir o seguinte código xusto antes do código anterior. O primeiro parámetro corresponderá ao desprazamento do prisma no eixo X, o segundo ao desprazamento no eixo Y, e o terceiro ao desprazamento no eixo Z.

translate([2,0,1])
PNG - 185.8 KB

Podes utilizar o sólido varias veces para construír pezas mais complexas, mais adiante veremos como combinar distintos sólidos para crear volumes novos. Constrúe as figuras da ficha que teñas asignada para practicar.

Descargar Ficha da 1ª Práctica - Cubo e translación de Horacio González en formato PDF (257.3 KB)

CC by-nc-sa

2ª Práctica - Cilindro e rotación

O segundo sólido primitivo co que imos traballar é o cilindro. Pese ao seu nome, en realidade este sólido permite crear prismas que teñan polígonos regulares como base. O que sucede é que se indicamos un número moi alto de lados, por exemplo 64, a figura resultante semella un cilindro. O seu uso é algo mais complexo que o do cubo xa que necesitaremos catro parámetros, a altura do prisma, o raio da base, o raio da parte superior e o número de lados.

cylinder(6, 3, 3, $fn=64);
PNG - 186 KB

Este sólido é moi versátil, dependendo do número de lados, do raio da base e do raio da parte superior podemos crear con el, todo tipo de cilindros prismas, conos e pirámides. Podes utilizar a translación igual que co cubo para colocar o sólido en calquera lugar do espazo e ademais nesta ocasión imos usar a rotación para poder voltealo en calquera dirección. Procura traballar de xeito sistemático á hora de combinar a rotación e a translación, non é o mesmo primeiro rotar e despois trasladar que primeiro trasladar e despois rotar!

translate([3,0,5]) rotate([-90,0,0]) cylinder(5, 3, 0, $fn=6);
PNG - 195.8 KB

Constrúe as figuras da ficha que teñas asignada para practicar. Esta práctica é mais difícil que a anterior, intenta sacar as figuras explorando e cambiando os parámetros un a un, a base de ensaio e erro.

Descargar Ficha da 2ª Práctica - Cilindro e rotación de Horacio González en formato PDF (258.9 KB)

CC by-nc-sa

3ª Práctica - Esfera e operacións booleanas

A esfera, o último dos sólidos primitivos que imos ver, unicamente require dous parámetros; raio e resolución. Co raio cambiaremos o tamaño da mesma e xogando coa resolución poderemos dar distintos acabados s súa superficie. En xeral, trátase dunha figura moito menos versátil que as anteriores, xa que non permite xerar ningunha outra figura.

sphere(r=4, $fn=10);
PNG - 215.3 KB

Para rematar a nosa introdución a OpenSCAD imos explorar unha serie de operacións chamadas booleanas que permiten sumar, restar e intersecar figuras entre si. Estas operacións son unha das claves do modelado 3D xa que facilitan a creación de infinidade de formas diferentes partindo dun conxunto moi pequeno de sólidos primitivos. Para combinar sólidos, simplemente debemos escribir o seu código entre dúas chaves e indicar a operación que queremos facer con eles, antes das mesmas.

difference(){
   cube([8,8,8], true);
   translate([0,4,0]) sphere(r=4, $fn=120);
}
PNG - 221.1 KB

Esta é a última práctica, moitas das figuras están baseadas en figuras anteriores, podes abrilas, gardalas con un novo nome e modificalas para construír as novas figuras. Trata de atopar as semellanzas que existen e de imaxinar como están feitas antes de empezar a escribir código sen sentido ningún!

Descargar Ficha da 3ª Práctica - Esfera e operacións booleanas de Horacio González en formato PDF (263.9 KB)

CC by-nc-sa

OpenSCAD ofrece moitas mais posibilidades do que vimos nesta pequena introdución, podes atopar multitude de recursos na rede para aprender a utilizalo e consultar a referencia completa do seu linguaxe aquí:

https://en.wikibooks.org/wiki/OpenSCAD_User_Manual/The_OpenSCAD_Language

2015 VHPLab. I 2014 I 2013 I
Español I English