Deseño e creación de vidreiras de cartón e celofán de cores, inspiradas en 5 rosetóns románicos e góticos

Lunes 24 de junio de 2019, por Horacio González Diéguez.

Citar

González Diéguez, Horacio. Deseño e creación de vidreiras de cartón e celofán de cores, inspiradas en 5 rosetóns románicos e góticos [online]. Santiago de Compostela, España, VHPlab, junio de 2019 [versión de noviembre de 2019] [Consultado el ]. Disponible en Internet: https://www.vhplab.net/spip.php?article394

Como parte da planificación da materia de Educación Plástica e Visual, todos os cursos intento desenvolver algún proxecto didáctico co alumnado da ESO. A premisa destes proxectos é levar a cabo esculturas, obxectos, ou calquera outra clase de elementos funcionais ou ornamentais para incorporar ao espazo do centro, co fin de mellorar o seu aspecto, deseño ou uso. O centro no que impartín clase este curso, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, conta cunha serie de xanelas no corredor do primeiro piso, que foron cegadas despois dunha remodelación do edificio e que, en lugar de dar á rúa, quedaron mirando cara un espazo interior de dobre altura, utilizado como salón de actos. A proposta de este proxecto consistiu en intervir ditas xanelas por medio de vidreiras para facer o espazo do corredor e do salón de actos mais agradables, traballando sobre a luz de ambos espazos.

Para o deseño das vidreiras, este proxecto tomou como referencia 5 rosetóns románicos e góticos das catedrais de Burgos, Oviedo e León, do Mosteiro de Armenteira e da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Aproveitamos este curso para desenvolver o proxecto co alumnado de 3º da ESO xa que, en 2º, non puideron estudar ditos estilos arquitectónicos na materia de Xeografía e Historia e Lourdes Nogueira Mondelo, a súa profesora de historia deste ano, desenvolveu ditos contidos este curso, durante a 2ª avaliación.

No corredor do centro hai 20 xanelas cegadas con dous ocos de 67x101 e 30x67, polo que traballamos en equipos de 5 persoas. Cada equipo utilizou GeoGebra para debuxar unha copia dun dos rosetóns escollidos como motivo de inspiración e despois elaborou un deseño orixinal partindo de formas e recursos xeométricos similares. Unha vez feitos os deseños, construímos as vidreiras utilizando pranchas de cartón de encadernación de 2 mm de grosor, que cortamos na cortadora láser da Aula nova; un espazo de traballo para desenvolver metodoloxías STEAM situado no CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Para facelo, exportei os deseños de GeoGebra dos alumnos e alumnas ao formato vectorial SVG e utilicei Inkscape para transformar os debuxos vectoriais nun arquivo de plóter de corte DXF, que é o que utiliza a cortadora láser da Aula nova. Finalmente, unha vez cortados os rosetóns, utilizamos celofán de cores para producir o efecto das vidreiras e pegamos os cartóns á parte interior das xanelas no corredor.

Contidos / obxectivos do proxecto

Desenvolvemento do proxecto

Traballo previo (3 semanas – 6 sesións de traballo)

Nunha primeira fase deste proxecto, antes de comezar a construír as vidreiras, o alumnado de 3º da ESO estivo elaborando unha serie de composicións libres, que serviron para experimentar coas ferramentas necesarias para, posteriormente, deseñar os rosetóns.

Ao longo desta fase previa, mentres o alumnado experimentaba coa simetría, os polígonos estrelados e as ferramentas de GeoGebra, pola miña parte fun preparando os 5 estudos xeométricos dos rosetóns escollidos para o proxecto que serviron de guía para cada equipo de traballo na segunda fase do traballo.

Fase de deseño (3 semanas – 6 sesións de traballo)

A segunda fase deste proxecto consistiu na elaboración dos deseños das vidreiras utilizando GeoGebra, un programa de Xeometría Dinámica. Nesta fase do proxecto constituímos equipos de entre 3 e 6 persoas e cada un deles escolleu un rosetón, dos cinco propostos para tomar como referencia. Unha vez escollido o rosetón, cada equipo quedo encargado de tres tarefas.

  1. 1. Cada un dos compoñentes do equipo comezou debuxando un primeiro rosetón con GeoGebra, facendo uso dos raios dun polígono regular e da ferramenta ’reflectir’, dun xeito moi similar a como traballamos co papel de calco na primeira fase, pero no ordenador.
    https://vimeo.com/335456795
  2. 2. Cada equipo fixo en grupo unha copia literal do rosetón escollido con GeoGebra, seguindo as instrucións do seu correspondente estudo xeométrico.
  3. 3. Finalmente, cada equipo deseñou en grupo un rosetón inspirado no anterior, pero con algunhas modificacións, co fin de utilizalo para a construcións da vidreira.

Fase de corte (1 semana – 3 tardes de traballo coa cortadora láser da Aula nova)

A terceira fase deste proxecto consistiu no troquelado ou corte do cartón por medio dunha cortadora láser, proceso que levei a cavo coa axuda do asesor do CAFI José Manuel Álvarez Rodríguez, na Aula nova. De feito, para poder levar a cavo este proxecto, o primeiro que fixemos foi solicitar o uso deste espazo de traballo para desenvolver metodoloxías STEAM, a través do formulario de solicitude da súa web, presentando un pequeno anteproxecto en PDF.

Descargar Tríptico informativo da Aula nova de CAFI | Xunta de Galicia en formato PDF (131.4 KB)

Copyright
Dende o punto de vista técnico, o proceso para cortar os deseños elaborados en GeoGebra no cartón de encadernación coa cortadora láser foi relativamente sinxelo (vídeo explicativo).

Paso 1 - Exportación a SVG dende GeoGebra

Unha vez elaborados os debuxos dos rosetóns, debe limparse a construción de Geogebra ocultando tanto os eixos de coordenadas e a cuadrícula, como todas as etiquetas, puntos e elementos auxiliares do debuxo, para deixar visibles unicamente aqueles elementos que se desexa cortar.

A continuación é necesario debuxar un dos cuadrantes da circunferencia que contén o rosetón, para utilizalo como marca de rexistro, xa que o ideal é facer un despece dos deseños, co fin de cortar catro veces o mesmo cuarto de rosetón, en lugar de cortar catro cuartos diferentes.

Antes de exportar a vista gráfica tamén é importante axustar o encadre ao máximo para que só sexa visible o cuadrante que imos utilizar.

Finalmente, debemos ir a ’Ficheiro/Exportar/Vista gráfica como imaxe...’ e seleccionar a opción ’Formato de gráfico SVG’. No proceso de exportación é moi útil axustar a escala, para que o debuxo resultante teña o tamaño mais parecido posible ao desexado. No noso caso, dito tamaño era de 400 x 288 mm, xa que así aproveitabamos ao máximo o tamaño da cortadora láser da Aula nova.

Paso 2 - Gardado en DXF dende Inkscape

Unha vez temos un ficheiro vectorial SVG é necesario abrilo e editalo co programa Inkscape, para poder gardar o debuxo no formato da cortadora. Este proceso resulta algo delicado, xa que en ocasións prodúcese un erro de exportación en Inkscape. A nosa forma de solucionar este erro consistiu en copiar todos os elementos do ficheiro SVG, exportado de GeoGebra, noutro ficheiro SVG limpo, creado directamente con Inkscape. Proceso que se pode aproveitar para acabar de limpar e axustar o debuxo ao tamaño desexado.

Modelo de ficheiro SVG limpo para exportar a DXF

En primeiro lugar desagrupamos todos os elementos do debuxo para poder eliminar os fragmentos sobrantes que queden fora do cuadrante escollido do rosetón. No caso que que haxa curvas que teñan unha parte dentro do cuadrante e outra fora, será necesario editar o trazado engadindo e eliminando nodos.

Unha vez limpo o debuxo, seleccionamos todos os elementos, os copiamos e os pegamos no outro documento. No novo documento, volveremos a agrupar os elementos para axustar o tamaño con exactitude, asegurándonos que que vinculamos o ancho e o alto para manter as proporcións orixinais do debuxo.

A continuación podemos utilizar un rectángulo para centrar e aliñar o debuxo. Dito rectángulo debe ser do tamaño exacto do despece que fagamos para que a cortadora faga todos as partes do rosetón iguais. Tamén podemos copiar o rectángulo e pegar o seu estilo no resto dos elementos do debuxo para asegurarnos que todas as liñas teñen o mesmo grosor e acabado.

Unha vez teñamos o novo documento listo, debemos gardalo con un nome diferente para conservar o ficheiro SVG limpo e despois exportalo a DXF pulsando ’Ficheiro/Gardar como’, unha segunda vez, e seleccionado ’Plóter de corte de escritorio’ como formato.

Paso 3 – Importación no programa da cortadora e corte láser

A cortadora láser da Aula nova contrólase a través dun programa chamado Laser Cut que está instalado nos portátiles do espazo. Para poder cortar, simplemente debemos importar os nosos deseños en DXF a este programa, establecer as preferencias de corte ou gravado e descargar as instrucións de corte na cortadora, que se conecta ao portátil cun cable USB como calquera impresora convencional.

O primeiro paso no programa Laser Cut é crear un novo ficheiro pulsando ’File’ no menú e seleccionando ’New’, para despois importar o documento DXF co noso deseño, pulsando ’File’ no menú e seleccionando ’Import’.

Unha vez cargado o deseño na área de traballo, debemos seleccionar o rectángulo exterior e poñelo nunha segunda capa, pulsando en calquera das cores da barra inferior, para que a cortadora faga primeiro os deseños e remate recortando o rectángulo exterior.

A continuación, debemos axustar a velocidade e potencia do láser en función do material que se desexe cortar. No caso do noso proxecto, comezamos traballando a 15 de velocidade e 65 de potencia e rematamos traballando a 14 de velocidade e 75 de potencia, para cortar cartón de encadernación de 2mm de grosor.

Finalmente hai que descargar as instrucións de corte na cortadora. Para isto basta pulsar o botón ’DownLoad’, eliminar as instrucións de corte previas pulsando no botón ’Delete All’, na xanela flotante, e despois pulsar no botón ’DownLoad Current File’. Neste proceso é importante nomear consecutivamente as instrucións, utilizando indicadores curtos, para poder recoñecelas no panel de control da cortadora.

Unha vez descargadas as instrucións, para poñer en marcha a cortadora, primeiro debemos colocar o material que imos cortar na súa bandexa e pulsar o botón de escape ’Esc’ no seu panel de control, co fin de cargar as novas instrucións. A continuación, debemos axustar a posición do extremo superior dereito do noso deseño, pulsando as frechas do panel de control, e asegurarnos de que a zona de corte esta correctamente centrada no material que imos cortar, pulsando botón de proba ’Test’. Deste xeito, comprobaremos que o deseño non o excede por ningunha parte a peza de material que estea colocada na bandexa da cortadora. O último paso é iniciar o corte pulsando o botón de comezo e parada ’Start | Pause’ e cruzar os dedos. É importante salientar que é necesario utilizar gafas protectoras para observar o proceso de corte, especialmente cando traballemos moitas horas na cortadora.

Fallos comúns e recomendacións

O cartón comba e alabea con facilidade durante o proceso de cortado láser o que empeora a calidade do corte. Os resultados melloran moito poñendo unha prancha de dm debaixo do cartón como soporte.

Para acelerar o proceso de centrado da zona de corte podemos marcar con rotulador ou lapis a posición do extremo superior dereito do noso deseño en cada unha das pezas de material que vaiamos cortar.

As pezas de cartón con ángulos moi agudos poden combar cara arriba e queimarse na estela que sigue ao cabezal láser. Para evitalo, podemos cambiar o punto de comezo dos cortes estratexicamente, tratando de evitar que o cartón combe ata o final do corte ou que a estela pase por encima de ditos fragmentos.

Ao exportar polígonos dende GeoGebra a SVG o contorno e o recheo transfórmanse en dous trazados superpostos. Nesas áreas a cortadora pasará o cabezal láser dúas veces pola mesma zona queimándoo todo. É importante asegurarse que que non hay ningún trazado repetido superposto.

Fase de construción (2 semanas – 4 sesións de traballo)

A cuarta fase deste proxecto consistiu no ensamblado das catro pezas que formaban cada rosetón, o seu pintado e a colocación do papel celofán de cores. Na primeira sesión de traballo pegamos as catro pezas de cartón que formaban cada rosetón, utilizando cinta adhesiva de papel, e pintamos de negro unha das caras, utilizando pintura plástica negra e rodetes de espuma. Na segunda sesión de traballo pintamos dunha cor rechamante a outra cara do rosetón e repasamos os acabados. Por último utilizamos dúas sesións da clase para pegar o papel celofán de cores, pola cara negra do rosetón, con celo.

Fase de instalación (1 semana – 2 sesións de traballo)

Unha vez rematados os rosetóns, os colocamos a última semana de clases, pegando o a cara negra de cada rosetón ao cristal dunha das xanelas do corredor do primeiro piso, con cinta adhesiva a dúas caras, negra. Deste xeito, os lados de cores quedaron mirando cara ao corredor, que normalmente está mais iluminado, e os lados negros quedaron mirando cara ao salón de actos, que normalmente está escuro e así prodúcese o efecto da vidreira, debido ao contraluz. Para instalar os rosetóns contamos coa axuda da compañeira do departamento de Historia e Ciencias Sociais, Natalia López Salgado.

Materiais e recursos que foron necesarios

Resultados