Todos os cursos intento levar a cabo algunhas actividades, co alumnado de 1º da ESO de Plástica, nas que utilicemos a Xeometría Dinámica e o programa GeoGebra. Este curso preparei unha proposta nova en relación ao traballo que adoito facer sobre mosaicos que, pese a quedar curta de tempo, deu moi bos resultados. Como veredes, algúns dos traballos quedaron a medias, xa que farían falta dúas sesións de traballo na Aula Informática, en lugar de adicar unha como fixemos este curso. Con todo, foi unha actividade rápida, motivadora para o alumnado e permitiu introducir as macros ou ferramentas propias de GeoGebra, polo que considero que resultou moi positiva e a repetirei en vindeiros cursos. Aquí vos deixo o vídeo que utilicei para a explicación da construción paso a paso e algunhas imaxes dos resultados.
Esta proposta de traballo por proxectos para a materia de Debuxo Técnico I de 1º de Bacharelato enmarcase nunha serie de tres pequenos proxectos realizados durante o curso 2018/2019, no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela. O reto deste proxecto para a clase consistiu en ser capaces de facer unha aplicación para gafas VR de cartón e teléfono móbil, utilizado o programa de xeometría dinámica GeoGebra. Foi levado a cabo durante a 3ª avaliación do curso, en relación aos contidos de perspectiva cónica da programación, que no libro de texto corresponden ao penúltimo tema.
Como parte da planificación da materia de Educación Plástica e Visual, todos os cursos intento desenvolver algún proxecto didáctico co alumnado da ESO. A premisa destes proxectos é levar a cabo esculturas, obxectos, ou calquera outra clase de elementos funcionais ou ornamentais para incorporar ao espazo do centro, co fin de mellorar o seu aspecto, deseño ou uso. O centro no que impartín clase este curso, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, conta cunha serie de xanelas no corredor do primeiro piso, que foron cegadas despois dunha remodelación do edificio e que, en lugar de dar á rúa, quedaron mirando cara un espazo interior de dobre altura, utilizado como salón de actos. A proposta de este proxecto consistiu en intervir ditas xanelas por medio de vidreiras para facer o espazo do corredor e do salón de actos mais agradables, traballando sobre a luz de ambos espazos.
A cianotipia trátase dunha técnica excelente para organizar unha primeira experiencia sobre o proceso fotográfico, xa que a posibilidade de traballar con luz eléctrica durante todo o proceso e o uso de auga como revelador, facilitan moito o traballo. Ademais, conceptos clave na fotografía, como o de exposición, imaxe latente ou o propio revelado, son moi doados de comprender na cianotipia e se poden observar a simple vista.
A construción de reproducións dos móbiles de Alexander Calder foi un proxecto que desenvolvín orixinalmente no CPI Antonio Orza Couto, o curso 2006-2007, con rapaces e rapazas de 1º da ESO. Pese aos fantásticos resultados obtidos, no seu momento non documentei, pero o curso pasado, 2017-2018, tiven a ocasión de repetir o proxecto no IES de Milladoiro. Esta vez si, quero compartir a experiencia a través deste artigo.
Durante o curso 2004-2005, o primeiro como profesor de Educación Secundaria, traballei no Instituto Xelmirez I e, entre outras materias, impartín clases de Debuxo Técnico de 1º de Bacharelato. Das catro horas semanais que tiña a materia, adicábamos dúas sesións ao desenvolvemento do temario do libro de Rodeira de Debuxo Técnico I, unha sesión á realización das construcións xeométricas do temario con Xeometría Dinámica no programa Cabri Geometre II e, finalmente, unha sesión ao desenvolvemento dun pequeno proxecto persoal do alumnado.
Está é unha ficha para aprender a debuxar que habitualmente utilizo con rapaces de 1º da ESO. Tratase dunha selección de fragmentos do libro “Dibujos animados, el dibujo de historietas a su alcance” de Preston Blair, moi útil para transmitir a disciplina do bosquexo mediante de figuras xeométricas simples, como por exemplo formas ovaladas, e amosar a importancia da proporcións da figura humana como fonte de expresividade. Aínda que non son nada apaixonado do debuxo da escola Disney o libro é unha referencia clásica e os estudos que contén sobre personaxes e estereotipos son fantásticos.
Esta é unha secuencia de traballos ao redor da cuestión das caixas de cartón e do seu pregado, inspirada nunha serie de desenvolvementos de pezas que atopei no CPI Antonio Orza Couto, cando incorporeime no centro en 2005. A secuencia está deseñada para fomentar o desenvolvemento da visión espacial de cara ao traballo con vistas e pezas, e para abordar distintos contidos de debuxo técnico como a normalización, a acotación ou as escalas.